Xornada da Industria: Innovación e talento global no corazón da Maker Faire Galicia
O 13 de decembro, líderes mundiais debaten sobre a biotecnoloxía, o metaverso a intelixencia artificial e a fusión de arte e ciencia no X aniversario da Maker Faire Galicia. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participará no acto inaugural.
O Biopolo da Sionlla acollerá o próximo 13 de decembro a Xornada da Industria da X edición da Maker Faire Galicia, un evento único que reunirá expertos/as de referencia mundial para explorar como a tecnoloxía e a innovación están a transformar sectores clave como a saúde, a ciberseguridade, a arte e a industria.
A xornada, que dará comezo ás 10:00 horas cun café de benvida e visita aos stands, incluirá unha selección dos 10 mellores proxectos do Call for Makers 2024, procedentes de diferentes puntos de España, que estarán expostos ao longo de toda a xornada. O acto inaugural contará coa participación da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, representantes da Xunta de Galicia, do Biopolo da Sionlla e da propia organización da Maker Faire Galicia, destacando o papel fundamental das institucións e os ecosistemas locais no impulso á innovación.
Relatores/as destacados/as
Entre os grandes nomes que participarán nesta xornada destaca:
Eduardo Fernández, director do Instituto de Bioenxeñería da Universidade Miguel Hernández e director do grupo de Neuroingeniería Biomédica del Centro de Investigación Biomédica en Red de Bioingeniería, Biomateriales y Nanomedicina (CIBER-BBN), é un referente mundial no campo da bioenxeñaría. O seu traballo céntrase no desenvolvemento de neuropróteses visuais e na mellora da biocompatibilidade de implantes neurais, explorando a conexión directa entre o cerebro e sistemas artificiais. Ademais, recentemente liderou o Congreso Internacional The Brain and The Chip 2024 en Elche, onde compartiu colaboración e espazo con líderes mundiais como Daniel L. Adams, de Neuralink, para explorar os límites da neurotecnoloxía na restauración de funcións sensoriais e motoras perdidas, consolidando o seu papel como pioneiro neste ámbito.
Yaiza Rubio, Chief Metaverso Officer en Telefónica, quen ofrecerá unha visión pioneira sobre o impacto do metaverso e a ciberseguridade no futuro dixital. Rubio, coñecida como a primeira hacker española en participar nos prestixiosos eventos DEF CON e Black Hat Briefings, actualmente lidera proxectos como "Network Tokenization".
A compostelá Mónica Bello, directora de Arts at CERN, recentemente galardoada nos prestixiosos premios S+T+ARTS da UE polo seu programa de residencias que conecta arte e ciencia. Bello compartirá como estas dúas disciplinas poden inspirar novas formas de comprender e transformar a sociedade.
Adrián Mosquera Orgueira, hematólogo e investigador no Hospital Universitario de Santiago de Compostela e no IDIS, lidera o Grupo de Hematoloxía Computacional e Xenómica (GrHeCo-Xen). Adrián combina a súa práctica clínica co desenvolvemento de proxectos de intelixencia artificial para personalizar tratamentos oncohematolóxicos, mellorar o diagnóstico e descubrir novos fármacos mediante algoritmos avanzados e modelos de aprendizaxe profunda.
Ademais dos relatorios, de 14:45 a 15:45 haberá presentacións curtas onde startups e profesionais galegos/as do ámbito biotech presentarán os seus proxectos máis innovadores, destacando o talento da nosa terra.
A xornada tamén incluirá un pitch de proxectos finalistas, un xantar de networking e rematará coa entrega de premios, recoñecendo as mellores iniciativas desta edición.
Acceso de balde e prazas limitadas
A asistencia ao evento é totalmente gratuíta, con prazas limitadas a 120 asistentes. Inscrición dispoñible en: Formulario de inscrición
Este evento conta co apoio do Concello de Santiago, da Xunta de Galicia a través do IGAPE, e do Biopolo da Sionlla, e é organizado de forma independente baixo licenza de Make Community LLC.